Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta investiu máis de 18.000 euros para mellorar o equipamento e as instalacións da Escola Infantil de Valdoviño


Na comarca da Ferrol a Consellería de Política Social concedeu axudas a 7 centros que ascenden a máis de 74.000 euros

A Consellería de Política Social levou a cabo varias actuacións na escola infantil de Valdoviño coa subvención concedida de máis de 18.000 euros para obras menores de adecuación e mellora do edificio para optimizar os espazos, para adquisición de novo equipamento e para a integración das novas tecnoloxías nas aulas das escolas infantís.

Concretamente, con esta achega executouse a instalación dunha pérgola no patio exterior e outra na parte traseira e colocouse un valado de seguridade na fronte.

No eido do equipamento adquiríronse mobiliario interior, un microondas e un disco duro.

Na provincia de Coruña, esta liña de axudas financiou actuacións en 28 centros de atención á infancia de 0 a 3 anos. Para estas obras a Consellería de Política Social aporta 505.774 euros e 30.425 os concellos.

Esta liña de axudas está dirixida ás corporacións locais que teñan en funcionamento unha escola infantil 0 a 3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade, ou aquelas que unicamente dependan da dotación do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade para seren postos en marcha no curso 2018/19. En concreto, mediante esta orde fináncianse obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios.

Así mesmo, asúmese a adquisición e mellora do equipamento do centro, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo. Por último, a liña atende tamén á dotación de conexión á internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenador, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

Ovidio Rodeiro explicou que “a liña de axudas pode alcanzar ata o 100 % do investimento cunha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para a compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula”. En resumo, cada concello pode percibir ata un máximo de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os cales presentara solicitude.

Ovidio Rodeiro avanzou que o orzamento de 2019 contempla, por cuarto exercicio consecutivo, o mantemento desta liña de subvencións por un montante global de 712.000 euros. Deste xeito, as novas contas de Política Social para o vindeiro ano “amosan a vontade da Xunta de Galicia de mellorar a calidade de vida das familias galegas ofertando os mellores recursos de conciliación para os seus fillos e fillas”, recalcou.

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha prioridade para o conxunto do Goberno galego e ten o seu reflexo no presuposto de 2019, no que esta área aumenta as súas partidas nun 8% en comparación con este ano ata acadar os 143 millóns de euros. Esta maior marxe orzamentaria permitirá consolidar, ademais das ordes de axudas para investimentos de mellora en escolas infantís, outras medidas que forman parte do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) como son os bonos Coidado e Concilia, as Casas Niño ou a posta en marcha de novas escolas infantís en contornas laborais.